Visistas á páxina

miércoles, 30 de enero de 2013

Etnografía

FESTAS

Festas por parroquias:
ARABEXO
16 de XulloO Carme Grande
15 e 16 de AgostoSanta María e Santisimo Sacramento
29 de SetembroSan Antonio
Segundo domingo de OutubroO Carme Pequeno
BEMBIBRE
22 de MaioSanta Rita
24 de XuñoSan Xoan
20 de XulloSanta Margarita
Último sábado de AgostoNosa Señora do Carme
Último domingo de AgostoSantísimo Sacramento
25 e 26 de DecembroFestas Patronais Divino Salvador
BUXAN
28 de AgostoSan Campio
Último domingo de AgostoSacramento
Primeiro domingo de SetembroNosa Señora do Carme
30 e 31 de DecembroFestas Patronais Santiago de Buxan
COUCIEIRO
3 de FebreiroSan Blas
Primeiro domingo de AgostoNosa Señora do Carme
Terceiro domingo de AgostoSantísimo Sacramento
11 e 12 de NovembroSan Martiño
13 de DecembroSanta Lucía
ERVIÑOU
13 de XuñoSan Antonio
30 e 31 de XulloSan Cristovo
8 de DecembroConcepción
NIVEIRO
15 de XaneiroSan Paio
22 e 23 de XaneiroFestas Patronais de San Vicente e San Xosé
13 de XuñoSan Antonio
1º Sábado ou Domingo de XulloSantísimo Sacramento
10 de AgostoSan Lorenzo
Domingo seguinte a San LorenzoVirxe do Carme
19 de SetembroA Saleta
PARAMOS
13 de XuñoSan Antonio
Primeiro domingo de XulloVirxe do Carme
15 e 16 de AgostoFestas Patronais Santa María
16 de SetembroSantísimo Sacramento
17 de SetembroVirxe do Carme
PORTOMEIRO
Domingo entre o 20 e 24 de AgostoVirxe do Carme
27 de SetembroSan Cosme
28 de SetembroSantísimo Sacramento
29 de SetembroSan Miguel
PORTOMOURO
2 de FebreiroSan Blas
10 de XulloRomería de Campo de San Cristovo
30 de XulloSan Cristovo
31 de XulloSantísimo Sacramento
16 de SetembroVirxe do Carme
13 de DecembroSanta Lucía
RIAL
Fin de semana seguinte ó 22 de XaneiroFestas Patronais San Vicente e San Antonio
Luns de Pentecostés (Maio)Espíritu Santo
Domingo seguinte ó Espíritu SantoSantísima Trinidade
XuñoSantísimo Sacramento
Domingo seguinte ó 10 de XulloSan Cristovo ou Fest. dos chóferes
Domingo seguinte ó 16 de XulloVirxe do Carme
3 de AgostoSan Estevo (Malvares)
Primeiro domingo de OutubroVirxe do Rosario
26 de DecembroSan Estevo (Malvarez)
VILARIÑO
29 de XuñoSan Pedro
8 de SetembroSantísimo Sacramento
9 de SetembroVirxe do Carme
SAN ROMAN
18 de XulloSanta Mariña
19 de XulloVirxe do Carme
16 de AgostoSan Roque
30 de AgostoSantísimo Sacramento (San Bartolomé)
31 de AgostoSan Ramón
4 de DecembroSanta Bárbara
8 de DecembroInmaculada Concepción

Tomado de: http://www.valdodubra.es/Festas.php
Aínda que antigamente soíanse celebras as festas na data do santo correspondente, nalgunhas variaba como xa teño escrito falando das festas do calendario celta: http://calendariocelta-patinho.blogspot.com.es/ , no que digo: "Tamén era propio destas datas as festas populares(fiadas, ruadas, etc.), dí Antonio Fraguas Fraguas en "A festa popular en Galicia", Cadernos da área de arte/Comunicación 5, Ediciós do Castro, 1996: " Nos arredores de Santiago non tiñan(as festas populares) data fixa, en Portomouro, Zas, Buxán celebránse os domingos e festivos, dando comezo ó rematar os traballos de recolección e sementeira"

Festas do Concello:

Festa do Emigrante: o primeiro venres e sábado de Agosto.

Feiras do Abril: a primeira semana de Abril, sendo os días principais o luns e martes.


Xa desapareceron festas populares coma a festa do Freixó e dos Motarras en Malváres.
Tamén eran famosas as fiadas, regueifas e pandeiretadas, xa desaparecidas.

COSTUMES

Os veciños do Concello facían prácticamente todo o que precisaban para vivir. Así había tódolos oficios como talabarteiros, zoqueiros, cesteiros, tecedeiras, ferreiros, carboeiros, etc.
Pódense ver algunhas fotos destes oficios en: http://fotosdevaldodubra-patinho.blogspot.com.es/
As aldeas eran un núcleo rural e mesmo familiar no que os veciños se axudaban nos traballos e se emprestaban ferramentas e mesmo condimentos coma o sal, o fermento do pan e da broa etc.

NAVIDADES E REIS
Os mozos, mozas e nenos-as xuntánbanse en grupos e ían polas casas cantando os vilancicos, panxoliñas e cantares típicos das datas e en cada casa dábanlle uns doces, un grolo ou unhas pesetas.
Algúns:
Esta noite é Noiteboa
e mañá é Navidade;
dame a bota, María,
que me quero emborrachare.
...

Os pastores de Belén
piden licencia para entrare;
tamén nosoutros pedimos
licencia para cantare.
Á porta estamos sete
dispostos para cantare;
si vostedes nos dan licencia
xa podemos comezare.
...

A noitiña de Nadal,
noite de gran alegría;
naceu un reisiño novo
fillo da Virxe María.
Camiñando vai Xosé
camiñando Vai María
camiñan para Belén
A fin de chegar con día
...

A CAVADA
A cavada era unha laboura na que se limpaba unha leira de xestas toxos e silvas e co legón cavábanse os terróns e cando estaban secos se xuntaban en toleiras ou borreas e se queimaban para así preparar o terreo para a semente do trigo.
Había competencias para ver quen cavaba máis e ó final, como era normal nos traballos en Galiza, non faltaban uns manxares cos seus grolos de viño e caña.

A SEGA E SEITURA
A sega da herba tamén era unha competición na que os que máis apuraban chegaban ó final do seu tramo a segar e lle cortaban o eito ós compañeiros co que os deixaban quedar coma langráns.
Cortábase a herba e estendíase deixandoa secar ata que curaba e logo facíanse os palleiros na eira.
Ó remate non faltaban ás cantareas e festa ata que estaba a cea.
Na seitura do trigo, o centeo e o orxo pasaba o mesmo. Antes de haber maquinas o trigo, centeo, e orxo estendíase na eira e con galletas de madeira e mallos, manlles ou manllos . Eiquí un vídeo de Paco do Martelo mallando con manllos: http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=oYpDlWZSQqo
Pódense ver fotos, vídeo e forma de traballar da seitura e malla en: http://seituramalla-patinho.blogspot.com.es/
Unha das estrofas que cantaban os primeiros en rematar a faena era en forma de burla:
Hei de ir a túa seitura
hei de ir a túa segada
heide ir a túa seitura
que a miña vai acabada.


ESFOLLADAS
Collíase o millo e púñase en medas que logo ó que maduraba se esfollaba sacándolle as follas ou carrupas das espigas. As carrupas de fóra tiránbanse e as de dentro, máis finas, gardábanse para facer e renovar os colchóns das camas.
As espigas normais do país eran brancas e algunhas saían de cores avermellados ou cor viño, os reis ou raíñas. Cando un mozo atopaba un rei dáballe un abrazo e un bico a cada moza, si as mozas querían.
Tamén había espigas que viñan xuntas de dúas, tres ou máis e chmábanse Marías. A algunhas Marías abríaselle a carrupa sen separarlla e colgábanse dunha viga pra darlle ás vacas que iban parir.
Unha vez esfollado o millo gardábase no hórreo separando as mellores espigas para a semente do ano seguinte.
A palla atábase en pallusos e facíase unha meda grande oca polo medio para que curara mellor. Logo esta palla servíalle de alimento ás vacas.

AS MUIÑADAS
Desde moi antigo se moía o trigo, centeo, millo etc. en muíños. Básicamente o muíño comezou sendo unha pedra fixa e outra que se move e transforman o gran en fariña
Muíño do Loureiro e fragmentos dun muíño castrexo. Foto tomada do libro Rial de Lourdes Romero

Os muíños antigos de río eran, básicamente, unha presa que partía do río e sacaba auga de forma que a canle fora indo casi a nivel para que quedara máis alta ca o río e desmbocaba na canilla con forza sobre o rodicio e o facía xirar. Normalmente na entrada do muíño había unha pedra saínte para poder apousar o fol do gran. Esta pedra chamábase pousadoiro. O rodicio movía a pedra móvil, moa, sobre a fixa, pé, e o gran que entraba desde a moega baixando pola quenlla, regulable en pendente para dar máis ou menos caída de grao, pra un redondel aberto na moa, o ollo da moa. A fariña caía no farneiro de onde se enchía para os sacos ou foles.
Partes do muíño.

Eran famosas as muiñadas nas que os mozos "acosaban" ás mozas. ¡Moitos fillos se fixeron nos muíños!
Mentras se esperaba contábanse contos e cantábase:
Esta noite fun ó muíño
cun fato de mozas novas
elas todas en camisa
eu no medio en cirolas.
...

Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa sí que é muiñada.
...

Axudaime compañeiras,
axudaime camaradas,
axudaime compañeiras
a levar esta foliada.

AS FIADAS
As fiadas eran as festas que os das casas onde se lles facía un traballo pagaban os favores e traballos que lles facían os veciños, normalmente as fiadas. Musicalmente estaban sostidas pola gaita e as pandeiretas. Soía acabar a festa ca cantiga de remate:
Agora non canto máis
que se acabou a gracia
esta pouquiña que queda
lévoa para a miña casa.
...

Pero había moitas cantigas:

O liño queda na poza
e a bagaña no palleiro,
agora, miña meniña,
tocarémolo pandeiro.
...

O liño era unha herba alta e azulada. Cando maduraba había que arrincalo e batíase contra a perna, normalmente con polainas, para sacarlle a terra. Para ripalo facíase pasar por uns peites grandes para que soltara o froito, atábase en feixiños que se levaban ó río para enlagar o liño e deixábase na auga corrente colocado cunhas varas cruzadas por arriba e sobre delas unhas pedras para que non o levara a auga. Ós oito-dazaoito días botábase estendido no chan ata que secaba, logo levábase para a casa e nun día de bo tempo estendíase na eira e trillabase coas vacas que pasaban por riba do liño. Xa trillado facíanse as estrigas ou monllos, a deluba. O liño tascábase co tascón, espadela ou mazote, que é un banco cunha táboa vertical afiada nun dos cantos por donde se rozaba para sacarlle a casca e deixarlle a fibra. No cepillo de dentes feitos con puntas pasábase polo restelo, o que quedaba nos dentes era a estopa.

Para fiar usábase a roca e o fuso. Collíase unha presa de fibra de liño, desenvólvese e colócase ó redor da cabeza da roca, átase para que non se desfaga. Métese a vara da pena pola fita do mandil da man esquerda e con esta man apáñanse as fibras e coa man dereita retórcense ata que vaia saíndo un fío longo que se suxeita ó fuso envolvendo o fío nel. Cando o fuso está cheo de fío quítase polo lado estreito facendo a mazaroca.
Roca e fuso

Despois de fiado o liño desátase co sarillo. Varias mazorcas ensarilladas fan unha madeixa. As madeixas branquéanse poñéndoas nun pote con auga, cinza de toxo e xabón enchoupándoas unha a unha e ponse a ferver no pote un día, lávanse no río peiteándose ben para que desprendan a cinza e pónse ó sol para que branqueen.
Cando o liño está branco fanse os novelos na devanadoira que se levan á tecedeira para tecer o lenzo.


PANADERÍAS
A pesar de que cada casa era unha panadería, cocíase nas casas tanto pan coma broa, en Dubra houbo casi sempre catro panaderías, hoxe hai cinco e ven vender algún panadeiro de fóra de Dubra.

ARRIEIROS
Básicamente os arrieiros de Dubra transportaban pedra para facer casas. Aínda que houbo algúns que levaban e traían mercadorías de Santiago e Carballo.
Os eixos dos carros cantaban e coñecíase quen era polo seu son.
É moi coñecida a cantiga:
Arrieiros somos
e no camiño andamos;
e moitos días
nos atopamos.
{Porque, sálvese, moza ou mozo,}
do arrieiro rabudo,
que malla na albarda
e malla no burro.
...
A vida dos arrieiros
é moi mala de levar:
á noite déitanse tarde,
pola mañá, madrugar.

CANTEIROS
A cantería e labrado da pedra son practicados desde a época castrexa. E en Dubra houbo, como mínimo, dez castros e moitas mámoas, como se pode ver en: http://castrosdevaldodubra-patimho.blogspot.com.es/
Hai pedras moi ben labradas en Dubra, o que fala ben dos nosos canteiros. Algunhas pódense ver en: http://pedras-dubra-patinho.blogspot.com.es/
Hoxe a vida de canteiro é máis doada dado, coma en todo, a maquinaria de que dispoñen, pero os antigos facíano casi todo con cicel ou acodadeira, punteiro, plomada e xogo de poleas ou poleas combinadas.
Tíñan unha linguaxe propia, o verbo dos canteiros ou verba dos arxinas, tamén chamado latín dos canteiros.
Compre diferenciar o labor de canteiros e pedreiros e picapedreiros. Aínda que moitos canteiros arrincaban a pedra que precisaban, normalmente eran os pedreiros os que facilitaban a pedra que precisaban.
Canteiros. Museo do pobo Galego www.museodopobo.es
Os pedreiros son os profesionais encargados de arrinca-las pedras que traballan os picapedreiros e que poñen os canteiros nas obras.
Os pedreiros coñecían moi ben as vetas da pedra, o andar.
Unha variante dos pedreiros eran os chanteiros, que arrincaban os chantos ou lastras de losa que normalmente se usaban para espetar na terra e face-los peches das leiras, postes, etc.
A xornada comezaba cara ás 6 da mañá, cando se encamiñaban ó traballo coa súa indumentaria característica: sombreiro de lá calado e todo o seu arsenal de ferramentas ó lombo, na esporta.
Ás 8 parábase para almorzar, moitas veces un carolo de broa e unha copa de caña, e a mediodía o que dirixía a tarefa empregaba a verba ¡Abalou...! para indicar que era o momento de comer e descansar media hora. A súa alimentación consistía en pan de millo, caldo, ás veces touciño con patacas e augardente. A xornada remataba co toque da tarde das campás da igrexa que chamaban á oración. Era frecuente que os canteiros sufrisen feridas nas mans e nos ollos. Lavaban as feridas das mans con ouriños ou augardente e colocaban por riba, para evitar hemorraxias, po da pedra que traballaban, cinza de tabaco, teas de araña ou follas de plantas. Cando un lixo lles entraba nos ollos, sacábano con barbas de lebre, pelos de porco, co metro ou coa punta dunha navalla. 
GENTE CON OFICIO www.galiciaunica.es

Hai que significar a labor dos barreiros, normalmente aprendices de canteiros aínda que tamén había barreiros que se dedicaban só a eso. A súa labor tamén era dura: traer o barro, amasa-lo, subilo pola estada...

Son un canteiro novo
inda non gaño diñeiro
boto barro nas paredes
levo os picos ó ferreiro
...



En palabras de canteiros
rapazas, non vos fiedes,
collen os picos e marchan,
rapazas, ¿que lles queredes?
...


A MATANZA DO PORCO
O San Martiño, 11 de Novembro,  e data sinalada coma comezo do inverno, día dos magostos e o arranque da matanza do porco.
O porco ben cebado a base de verduras, fariña, castañas, patacas viño e moita auga, déixase o vispera da matanza en xasún para que as tripas estén valeiras.
O día da matanza veñen veciños, familia e o matachín (Soía haber un por aldea) e mátase e desángrase o porco.


Logo procédese a chamuscalo, normalmente con fentos, palla de centeo ou trigo, etc. hoxe fáis co soplete

Logo de chamusca-lo lávase ben axudado por unha pedra, hoxe fáise con cepillos

Pónse o porco coas patas para arriba e procédese a abrilo

Ábrese de diante atrás con coidado de non pincha-las tripas, que se secarán xunto cos fígados, riñón, etc (as vísceras), as tripas lévanse xunto a un regato con caída de auga e lávanse sacandolle ben a grasa, logo servirán para facer chourizos, tripas, etc.

Sácaselle ben a sangre e sécase e xa está listo para o despece

Normalmente o porco cólgase boca abaixo e déixase enfriar ata o día seguinte.
E procede despezalo.

Tállase o porco separando as carnes de sangue para facer os chourizos de cebola e as carnes máis limpas para face os chourizos de carne.
Lávase e sálgase, soíase fregar con cebola e viño branco para que salgue mellor. Logo déixase na maseira, baño ou salgadoiro, de pedra normalmente. Dín que corresponde un día de salgadura por kilo de carne.
Prepárase zorza para facer os chourizos, troceándoa e adobiándoa con sal, cebola, ourego, pemento doce, pomento picante e un pouco de viño branco. Deixaráse 4-8 días no adobío remexéndoa diariamente.
Hai moitos refráns que se refiren á matanza:
-Por San Martiño faise o magosto con castañas e viño"
-O que non mata porquiño non ten lacón nin touciño.
Había moita costume de darlle algunhas pezas ou parte de carne ós veciños, agasallo que era devolto cando estes mataban. Chamábase presente ou proba e soían ser tamén destinatarios desta proba, normalmente do mellor do porco, o cura, o médico, o mestre e outras "autoridades".

CAPAS DE XUNCOS ou COROZAS
Como na nosa terra chove moito unha das prendas máis usadas no inverno eran as capas de xuncas, que protexían da auga e do vento.

Estas dúas fotos foron tomadas do libro: Rial, de Lourdes Romero.

Foto de M. Manteiga. El Correo Gallego

CESTEIRO

Os cesteiros son artesáns que fan cestos, cestas e outras pezas de diferentes tamaños e usos.
Normalmente os cestos son de vimbio, tamén se fan de polas novas de carballo e outros materiais. O vimbio medra en cepas que se recollen en Decembro, ou ca lúa de xaneiro, e déixanse un mes a secar ata que teñen a textura e flexibilidade precisa. Métense en auga durante un ou dous días.
Os cestos comézanse pola base, cú, poñendo as varas ou vergas cruzadas para facer o fondo do desto.
Domeanse as varas en vertical e átanse no bico de arriba, repartíndoas ben e ben redondeadas para que o cesto non quede malformado.
Vánse collendo vimbios e vánse entrelazando darredor cas varas verticais. É convinte ilas apretando ben cara o cú do cesto. Tamén é convinte usar vimbios do mesmo grosor para non malformar o cesto.
Cando o cesto ten a altura convinte córtanse as varas verticais deixando dúas nun lado e outras dúas no contrario para facer as asas. Estas dúas varan envolvense entre elas con forma de asa e logo entrelázanse co remate dos cesto para que non se desfagan.



TELLEIROS
Fan tellas e ladrillos.
Os telleiros fan as tellas, básicamente, nun banco de madeira de catro pés e cun forno telleiro. Escollían un barro fino e outro máis gordo e mezclabano. No banco de traballo botaban un po seco coa peneira para que o barro non se pegara á superficie do banco. Poñen no banco a grade trapezoidal, de madeira, que da o perfil da tella, énchena de barro e alísano co cepillo, póñena enriba da forma, molde que da forma á tella, deixando esvarar-lo barro riba da forma para que colla a feitura, collen a forma polo mango e pousan a tella formada no chan para deixala secar.
Un vídeo on se ve claramente:


Cando as tellas están secas lévanse ó forno telleiro para cocelas, este ten dentro unha especie de grella de pedra chamada lastre onde se colocan as tellas de forma vertical apoiadas unhas nas outras deixando espazo entre elas para que saia o fume. Enriba desta tandada pódese colocar outra ata encher o forno, acéndese o lume e a cinza que se vai facendo bótaselle enriva ás tellas, as 24 horas déixase enfriar o forno e as tellas xa están listas.
Sala dos Oficios: Telleiros

En Bembibre aínda existe o forno e a chimenea da Telleira.





En construcción